Xuventude Galicia Net 2012 (ou como xuntar a Enrique Dans, a Tropa Korriban e Pedobear sen morrer no intento)


Esta tarde pasei polo Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia onde tiña lugar a 13ª edición do encontro informático Xuventude Galicia Net, que este ano celebrouse nunha data pouco habitual (normalmente ten lugar a comezos da Semana Santa) e nunhas condicións meteorolóxicas que non animaban moito, pero ao final o evento resultou bastante ben, con participantes moi animados e unha zona de acceso libre con bastante actividade.


Cheguei a iso das 11:00 horas para poder asistir a un relatorio de Enrique Dans, que nun principio parecía orientado a falar do seu libro (do que xa teño falado) pero que finalmente foi unha charla un tanto diferente que destacou por un detalle: a participación do público. Os asistentes facían tantas preguntas que fixo que a duración desta actividade dobrase o seu tempo, achegándose ás 2 horas, o que curiosamente non fixo que a xeste quedase durmida nin liscase correndo. Todo un éxito.


Pero igual Dans non quedou tan contento co que alí preguntaron, porque acto seguido achegouse a unha demostración de esgrima histórica para documentarse sobre as distintas armas que alí había, o que debería facer tremer a máis de un

Realmente estaba a facer o tempo antes da súa intervención no programa Banda Ancha da Radio Galega, no que tivemos a honra de contar coa súa presenza. Agradécese a dispoñibilidade de Dans, sempre disposto a dedicarnos unhas palabras (aínda que normalmente por vía telefónica) e que fixo un esforzo para expresarse en galego, o que tamén é de agradecer (pois ao vivir en Madrid ten a lingua do país algo enferruxada).

Pero neste espazo non quero falar do traballo, senón do bo ambiente que había este ano no Xuventude Galicia Net, que nesta ocasión daba a impresión de que a festa informática estaba a ser eclipsada polas actividades complementarias, como os relatorios (o de Leopoldo Abadía seica tivo unha asistencia masiva), as exhibicións de esgrima histórica e de haikido, os numerosos xogos que había espallados polo recinto (un Conecta 4 xigante, un xogo de golf, o Star Wars Kinect, un simulador de esquí, un xogo de disparos con escopeta, un futbolín, varios circuítos de Scalextric… e a inestimable presenza da Tropa Korriban, que non dubidaba en representar combates e posar en fotografías con todos os que pasaban por alí. Aínda que sexa cun día de retraso: May the 4th be with you


Pero non podo rematar sen comentar un susto que levei mentres tiraba unhas fotografías dos ordenadores da LAN party, pois pareceume ver de lonxe un boneco de pedobear, e cando me poño a dispararlle unha fotografía, miro para o monitor que ten debaixo, e levo unha sorpresa aínda maior que ao atopar ao osiño máis coñecido da Internet (picade na fotografía se queredes ver a imaxe completa do que tiña diante).

Anécdotas así fan que un lembre este tipo de eventos, dos que pese ás dificultades están a resistirse a desaparecer, o que os seus participantes estou certo que agradecen enormemente. Esperemos que o ano que vén se repita a cita.

 

Artículo elaborado por marcus, visita su web

Promedio:
Puntuación: 0
 
 
 
 
Sin votos